Wednesday 15 de May de 2024

Os Orzamentos 2022 de San Sadurniño van a pleno este venres


O pleno municipal de San Sadurniño volverá reunirse nunha sesión extraordinaria convocada para as 19:30h deste venres na que se incluíron cinco puntos. Neste sentido votarase en primeiro lugar a acta da sesión anterior e, deseguido, entrarase xa nos temas con máis miolo, que son a adhesión ao programa de control da avespa asiática suscrito entre a Xunta e a FEGAMP, a declaración institucional co gallo do 8-M e, na recta final do pleno, os dous de maior peso: a apertura dun período informativo sobre as circunstancias e posibles responsabilidades patrimoniais da aprobación e posterior anulación do convenio urbanístico suscrito en 2007 coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño e, como cabo da sesión, o debate do proxecto de Orzamentos municipais para o presente exercicio, que ascenden a 3.169.915,62 euros na correlación de ingresos e gastos, un 7,68% máis que en 2021.

A proposta orzamentaria que se debaterá no pleno ascende a eses máis de 3.1 millóns de euros no apartado de gasto público, cuxo importe previsiblemente se incrementará -co correspondente aumento nos ingresos- gracias a partidas procedentes do POS Adicional da Deputación, dos fondos Next Generation e da posibilidade de obter axudas dentro do Convenio da Transición Xusta da comarca mineira das Pontes.

Na memoria da Alcaldía resúmense os distintos capítulos sinalando que cerca de 1.3 millóns de euros -o 40,98%- se destinará a cubrir os custes de persoal -Administración, Servizos, SAF e programas de emprego PEL e Aprol Rural-, mentres que outro 32,68% -1.035.805,46€- se encadrou no apartado de gasto corrente, un dos que reflicte un maior incremento en comparanza co ano pasado ante a previsión da suba dos custes enerxéticos e dos combustibles.

Tamén sobe a partida para investimentos reais -obras principalmente- que se eleva até os 650.000 euros, o que supón o 20,50% do proxecto orzamentario e un 29% máis que en 2021. Nesa epígrafe xa van incluídos os proxectos do POS+ con financiamento confirmado, o Plan de Camiños da AGADER, as achegas do Fondo Ambiental, as necesidades de conservación de infraestruturas e bens e tamén a rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita como centro de atención social, que se agarda levar a cabo con apoio provincial e cun custe estimado de 300.000 euros.

No capítulo 4, o de transferencias correntes, figuran 170.000 euros dedicados á cofinanciación municipal do Centro de Día e a sufragar axudas dirixidas ao tecido asociativo, cultural e deportivo, ademais das bolsas de estudo. Dentro das contías orientadas a colaborar coa veciñanza tamén se reservan 15.000 euros para a posta en marcha de abastecementos colectivos de auga potable.

En canto aos capítulos de ingresos -que deben coincidir no sumatorio final cos do gasto público- o Concello agarda alcanzar os 1.1 millóns de euros mediante impostos directos e indirectos, así como por taxas e prezos públicos, que só subirán o que marca o IPC. O groso dos ingresos municipais virá, de novo, das transferencias correntes doutras administracións. Serán 1.568.216,95 euros, case o 50% do orzamento municipal. É un 7,5% máis que en 2021, debido en boa medida a unha maior participación nos ingresos e tributos do Estado e á percepción do IVE non cobrado en 2017 que o Goberno central aprobou transferirlles aos concellos dentro deste primeiro trimestre do ano.

Outra partida importante é a das transferencias de capital, cuantificadas en 486.070,34 euros -o 15,33% do Orzamento e un 62% máis que o ano pasado- para acometer os investimentos do POS+, da escola de Igrexafeita, do Plan Marco de Camiños e do Fondo de compensación ambiental. Este é un dos capítulos que queda aberto, contando incorporar a el máis achegas ao longo do exercicio (principalmente os plans adicionais que saque a Deputación).

Solicitude do PP de “responsabilidades” polo convenio coa Cooperativa
O outro tema con peso de seu que se tratará na sesión refírese á solicitude presentada polas concelleiras do PP María Belén Trigo e Esther Díaz de que se incoe expediente aos membros do pleno municipal que apoiaron en 2007 a sinatura do convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño.

O escrito esixe “responsabilidades” e pide nese sentido que asuman “de forma solidaria” os importes satisfeitos ata o momento “en concepto de indemnización á Cooperativa”, cifrado en cerca de 283.000 euros, xa satisfeitos polo Concello como contraprestación económica por unha parte das terras e xuros despois de que o convenio fose anulado e os liquidadores da entidade acudisen á xustiza.

A proposta que elevará a Alcaldía ao pleno municipal é a de abrir un período de información ou actuacións previas para aclarar se cómpre ou non iniciar o procedemento, solicitándolle ao Secretario-Interventor municipal que emita informe ao respecto.